QUEN SOMOS

Andaraomar.gal é a web do proxecto Camiños de Andar ao Mar, creado polo Concello de Carnota para a difusión dos valores naturais e culturais do noso litoral.

Como naceu?
Dende hai anos existen iniciativas para achegar a cultura do mar aos nosos visitantes e Portocubelo e Lira foron sempre moi activos neste eido. A súa experiencia, xunto coas iniciativas do Concello de Carnota pola posta en valor da paisaxe e do patrimonio, converxen nestes Camiños de Andar ao Mar, que converten o litoral sur do municipio nun percorrido emocional pola natureza e polo pasado.

Xeiteiras, píntegas e naufraxios.
Os Camiños pretenden amosar todas as caras do mar. O máis visible son as paisaxes, con protagonimo das praias. Pero queremos que te fixes tamén no chiar do lavanco que nos sobrevoa e que procures a píntega que sae a quentarse ao sol; falarche do ourizo de mar que se agocha nas augas. Alén do que alcanzan os nosos sentidos están as historias de tráxicos naufraxios e, rodeando todo, a cultura das xentes do mar que fixeron deste marco o seu escenario de vida.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros. Aceptar | Más información
Esta web utiliza cookies propias e de terceiros. Aceptar | Máis información